Friday 17 de May de 2024

O Concello da Pobra convoca o concurso de ideas para a escultura en homenaxe ás vítimas da violencia machista


O Concello da Pobra do Caramiñal materializará proximamente a execución dunha escultura como mensaxe de repulsa á violencia de xénero e en homenaxe a tódalas vítimas. Para tal fin, convócase un concurso de ideas para o deseño da talla ó abeiro da programación do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, segundo anuncian o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), xunto coa asesora xurídica á muller, María Pérez, e a axente de igualdade, Carolina Rodríguez.

A edil manifesta que se lle dá así cumprimento ó compromiso adquirido no pleno extraordinario de comezos de 2019. A falta dunha partida orzamentaria específica e a irrupción do coronavirus fixeron que se pospuxese ata este ano, cando este asunto se volveu retomar. Trátase de lles render unha homenaxe ás vítimas e especialmente dedicada a aquelas vinculadas á localidade, ó tempo que se busca sensibiliza-la cidadanía, tal e como apunta o rexedor.

O espazo en que se pensa inicialmente é a contorna do paseo dos Areos, se ben tamén pode variar en función das características e contexto do monumento.

A técnica e concepción escultórica son de libre elección, considerando a viabilidade da reprodución tridimensional da proposta no material definitivo. No que respecta á temática, deberanse representar conceptos relacionados coa finalidade do proxecto. Ó certame poderá concorrer calquera persoa maior de 18 anos que cumpra cos requisitos indicados nas bases. Entregarase un máximo de dúas obras por autor/a que deberán ser orixinais, inéditas e de creación propia.

Dos traballos presentados, o xurado elixirá a obra gañadora, que terá como premio unha dotación económica de 3 000 euros, a entrega dun diploma e a adxudicación da realización da escultura por un importe máximo de 9 000 euros. A segunda mellor valorada será galardoada cun accésit.

O prazo de recepción das propostas será de 30 días naturais que se contarán a partir do seguinte ó da publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), en próximas datas. A entrega do material xunto coa documentación requirida efectuarase no rexistro xeral, por correo ou en calquera das formas determinadas no procedemento administrativo común das administracións públicas. As persoas interesadas deberán achegar tamén unha copia da solicitude de participación a través do enderezo electrónico igualdade@apobra.gal.

As bases completas estarán ó dispor na páxina web www.apobra.gal e no propio BOP unha vez sexa público o documento. Para a resolución de dúbidas habilítase o teléfono de contacto 981832764, marcando a opción 6, ou a referida vía electrónica.